O PINO INSTALA DOUS MINIPUNTOS LIMPOS GRAZAS A UNHA SUBVENCIÓN

O Concello instala dous minipuntos limpos grazas a unha subvención para a mellora da recollida separada de residuos

Minipuntos limpos de proximidadeO Concello do Pino instalou dous minipuntos limpos de proximidade destinados a mellorar a recollida separada de pequenos residuos, unha actuación realizada ao abeiro da liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destinada á implantación deste tipo de infraestruturas ambientais.

Grazas a esta achega, foi posible dotar o municipio de novos contedores específicos con compartimentos diferenciados para pilas, cápsulas de café, lámpadas, cartuchos de tinta e outros residuos que carecen dun sistema común de recollida, facilitando así a correcta xestión destes materiais e contribuíndo a un modelo máis sostible e respectuoso co medio natural.

Estes novos equipamentos, acompañados da correspondente información sobre as condicións de entrega adecuada, permitirán mellorar a participación cidadá na reciclaxe e avanzar no cumprimento dos obxectivos marcados en materia de prevención e separación de residuos. O Concello do Pino agradece a colaboración veciñal e anima a poboación a utilizar estes puntos limpos de proximidade.

Esta actuación foi financiada ao abeiro da orde do 17 de decembro de 2024 da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea – Next Generation EU.

Leer la noticia original en opino.gal

Reduce, reutiliza, y como última opción, recicla.
Blipvert Recologics, 2025